Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DRAGANDABIC.COM

A web da falsa identidade de Karadzic

A suposta páxina do presunto experto en medicinas alternativas inclúe unha biografía inventada e os seus dez proverbios chineses favoritos.

Redacción - 11:00 23/07/2008
Unha das fotos de Dabić, na web "oficial"

Unha das fotos de Dabić, na web "oficial"

O 'alter ego' de Radovan Karadžić, Dragan Dabić, tamén ten web de seu. En dragandabic.com pódese visitar unha breve páxina bilingüe (en serbio e inglés), onde o suposto terapeuta alternativo inclúe unhas cantas fotos das súas sesións e conferencias. Porén, non se pode garantir que pertenza realmente ao propio Karadžić.

Na súa biografía conta que Dragan "David" Dabić naceu hai seis décadas na pequena aldea servia de Kova�?i, preto de Kraljevo, e que dende moi novo se sentiu moi interesado por explorar as montañas e descubrir o poder natural das herbas medicinais que alí medran. Despois doutorouse en Medicina, coa especialidade de Psiquiatría, en Moscova, e logo viaxou pola India, Xapón e China, onde se especializou en medicinas alternativas, con especial énfase no control do corpo e da mente, meditación, ioga, limpeza espiritual e herbas chinesas.

Nesta biografía apócrifa tamén se conta que Dabić volveu á "nai Serbia" a mediados dos 90, onde se converteu nun dos expertos máis prominentes en medicina alternativa, bioenerxía e dieta macrobiótica de todos os Balcáns, como colaborador en revistas e convidado en programas de televisión, seminarios e simposios. Engádese que o doutor vive na rúa Yuri Gagarin, en Novo Belgrado, e que está aberto á participación en foros públicos, televisión e a consultas privadas.

A web complétase cos seus "dez antigos proverbios chineses favoritos seleccionados persoalmente polo doutor Dabić", e que quizais nos descubran aspectos da personalidade dun home acusado de xenocidio e de crimes de guerra:

  • Detrás de todo gran home hai sempre outros homes capaces.
  • O profesor abre a porta, mais ti debes entrar por ti mesmo.
  • Un home sabio toma as súas propias decisións, un home ignorante segue a opinión pública.
  • O que non pode concordar cos seus inimigos é controlado por eles.
  • Se a túa forza é pequena, non leves cargas pesadas. Se as túas palabras non teñen valor, non deas consellos.
  • Un diamante cun fallo é mellor que unha pedra perfecta.
  • A aprendizaxe é un tesouro acompañará o seu dono a todas partes.
  • Se fas plans para un ano, sementa arroz; se fas plans para unha década, planta árbores; se fas plans para unha vida, educa as persoas.
  • Non podes impedir as aves da tristura voen sobre a túa cabeza, pero podes impedir que faga niños no teu cabelo.
  • O que renuncia a si mesmo, debe cavar dúas tumbas.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: